O luns 2 de novembro ás 20.00 horas o Ateneo de Santiago ten programada na Rúa do Vilar, 19 de Santiago de Compostela unha conferencia organizada pola Sección Compostela para conmemorar o centenario do nacemento de Isaac Díaz Pardo titulada “As viaxes de Isaac. O contacto con América”, que estará impartida por María América Díaz, especialista na figura do intelectual e creador galego Isaac Díaz Pardo.
Debido ás restricións sanitarias, para asistir será obrigatorio a preinscrición en ateneo@ateneodesantiago.com e deberase cumprir co protocolo establecido.
María América Díaz Pampín é licenciada en Historia pola USC, Posgrao en Coolhunting e Investigación cualitativa de tendencias na Facultade de Comunicación Blanquerna de Barcelona e Programa Superior en Xestión de Empresas Culturais na Galicia Business School. Traballou máis de dez anos na equipa de Isaac Díaz Pardo, no grupo Sargadelos, ocupando postos no Museo de Arte Contemporáneo Carlos Maside, no Instituto Galego de Información e como directora da Galería Sargadelos de Barcelona. Publicou varios títulos onde destaca: Luis Seoane. Notas á súas cartas a Díaz Pardo. 1957-1979 (Ed. do Castro) e Arte e Compromiso social da Cultura Galega (Ed. do Castro). En 2008 coordinou, xunto con Díaz Pardo, o envío do seu legado á Cidade da Cultura da Xunta de Galicia e na actualidade encóntrase rematando un proxecto web sobre a figura do intelectual que acompañará á mostra comisariada por Xosé e Camilo Díaz, fillos de Díaz Pardo, que se inaugura o vindeiro 6 de novembro no Gaiás.
comment closed